Friday 03 de May de 2024

Camariñas oferta un diverso programa de actividades culturais e deportivas para o curso 2021-2022


· Ioga, pilates e palillo xa deron comezo o pasado día 1 de outubro, ás que se sumarán o resto o 2 de novembro.

· O prazo de inscrición remata o 29 deste mes.

O Concello de Camariñas dá a coñecer a súa ampla oferta de actividades culturais e deportivas para o curso 2021-2022 cun amplo compendio, para o que as inscricións rematan o 29 de outubro.

Ás xa iniciadas clases de ioga, pilates e palillo sumaranse o resto o vindeiro 2 de novembro, entre as que se atopan as exclusivas para a rapazada: ‘Concello activo kids’, para nenos e nenas nacidos e nacidas entre o 2015 e o 2010; fútbol no Campo Municipal de Fútbol Irmás Patiño; Balonmán; cursos de iniciación, intermedios e profesional de vela, bautismos de mar, kaiak, surf, windsurf e paddle surf, xadrez.

No grupo de aulas para todas as idades atopamos a Escola de Música, con opcións de ‘música e movemento’; linguaxe musical; instrumentos; música tradicional; baile galego; danza coreográfica; baile moderno e coro municipal.

Entre as actividades exclusivas para adultos temos palillo; ximnasia de mantemento; relaxgim; pilates; ioga; zumba e ‘Concello Activo Sénior’. As inscricións presentadas fóra de prazo entrarán en lista de reserva.

Para solicitar máis información pódese acudir á Biblioteca Municipal de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 horas, ou ben chamar aos teléfonos 981 73 72 34 ou 665 13 44 90. Tamén existe a opción de enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@camarinas.net.

Outro dos puntos no que se pode solicitar información é no despacho de deportes da Casa do Concello, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao teléfono 662 51 91 33 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@camarinas.net.

Na sede electrónica https://bit.ly/3jbcmEZ as persoas interesadas poden achegar toda a documentación requerida. O usuario deberá solicitar unha carta de pago no departamento de deportes ou na Biblioteca Municipal, e se a persoa usuaria non comunica a baixa voluntaria esixiráselle o pago anual da actividade na que está inscrito.